A Residencia de Campolongo recibirá o maior investimento de Política Social para 2020
Por Redacción
Os orzamentos da Consellería de Política Social van destinar a súa maior partida económica para obras e investimentos a financiar a reforma integral da residencia pública de maiores de Campolongo. Un total de 3,7 millóns de euros para un proxecto que mellorará o benestar das 130 persoas usuarias do centro e que adecuará os espazos ás necesidades do persoal.
A Xunta prevé que os primeiros traballos desta reforma integral se poidan realizar nos primeiros meses de 2020. Todas as obras serán compatibles co mantemento da actividade asistencial, para o que, tanto a Xunta como a dirección da residencia tomarán as medidas necesarias para garantir o normal funcionamento do centro. Dadas as especiais características da obra, este proxecto foi previamente debatido e deseñado contando cos profesionais da residencia, para garantir que se satisfagan as necesidades tanto dos maiores usuarios como dos traballadores.
A actuación proposta contempla, entre outras obras, a substitución dos ascensores por outros de maior dimensión, o cambio da carpintería exterior existente co fin de mellorar a envolvente térmica do edificio, a colocación de barreiras de protección nas escaleiras para aumentar a seguridade dos usuarios, a creación de máis vestiarios, a instalación de osíxeno e de vacío, a adaptación dos aseos ou a redistribución da terraza que hai no segundo andar da residencia.
REFORMA INTEGRAL, PLANTA A PLANTA
Na planta primeira procederase á ampliación da área de enfermería, que ademais se trasladará a onde se atopaba o comedor. Os principais espazos dos que disporá esta zona son: tres habitacións con baño independente, outra máis de illamento tamén con baño, unha sala de curas e outra de rehabilitación. Anexa a esta zona de enfermería emprazarase a área médica con sala de espera, despacho médico, sala de exploración e farmacia. O actual espazo da enfermería será transformado para acoller a zona de ximnasio e rehabilitación, almacén e sala de estar.
Tamén se contempla a demolición de todos os dormitorios e baños da planta segunda, co fin de refacelos con dimensións apropiadas para o uso de residentes dependentes. Así mesmo, habilitarase un baño xeriátrico e unha zona de control con office para o descanso do persoal e aseo. A maiores, neste andar habilitarase un comedor e un almacén anexo.
Por último, no semisoto crearanse novos vestiarios para o uso do persoal, con maiores espazos para as traballadoras, xa que se observa un maior número de mulleres entre o persoal do centro. E, na planta baixa, usarase o espazo anexo ao salón de actos como cafetería, cambiarase a localización do comedor e do office, e reformaranse os aseos para adaptalos a persoas con discapacidade.
INVESTIMENTOS NA PROVINCIA
O Executivo autonómico inviste, entre este ano e o próximo, 5,3 millóns de euros para mellorar oito centros dependentes da Consellería de Política Social na provincia de Pontevedra. Ademais da residencia de Campolongo, na cidade de Pontevedra a Xunta destinará outra partida para a reforma integral do Centro de menores Avelino Montero. O resto de actuacións realizaranse no Centro ocupacional O Saiar en Caldas de Reis, a residencia e centro sociocomunitario da Estrada, a residencia de tempo libre de Panxón en Nigrán, o Centro Residencial de Atención a Persoas con Discapacidade (CRAPD), a residencia xuvenil Altamar e o Centro sociocomunitario do Calvario, estes tres últimos en Vigo.
Estes traballos inclúense no plan de obras proxectado pola Xunta para mellorar os centros de benestar social de toda Galicia. En concreto, proxectáronse intervencións de reforma e modernización de 34 centros de benestar social de toda a Comunidade, cun investimento de 13,7 millóns de euros e máis de 50.000 persoas beneficiadas como usuarias dos mesmos.