O PP critica a PSOE e BNG por priorizar as luces de Nadal á bandeira de España no balcón do Concello
Por Redacción
O PP de Pontevedra móstrase moi crítico coa actitude dos dous socios de goberno do Concello, BNG e PSOE, en relación coa colocación da bandeira de España no balcón da Casa do concello para conmemorar este venres o día da Constitución.
A concelleira Pepa Pardo criticou con dureza a "falta de interese e a desidia" de ambos os partidos, pois se "escudaron" na iluminación do Nadal para non engalanar o balcón.
Segundo explica, o luns 2 de decembro presentou un escrito solicitando a preparación do antigo edificio do Concello para "recoñecer o traballo de todos os parlamentarios constituíntes que contribuíron á creación da nosa Carta Magna e a dotar de estabilidade a España". A resposta do Concello foi, segundo denuncia este xoves a concelleira, que "o balcón está ocupado coa decoración de Nadal".
A explicación non convence á concelleira do PP, que ve "obvio" que "ambas as cousas caben". "Outra cousa é a vontade do BNG e do PSOE de facelo, que parece non gustarlle nin apreciar a nosa Constitución, que recolle os Dereitos de todos os españois", engade.
Pepa Pardo critica o "pouco sentido de Estado" e a "baixa altura institucional" de BNG e PSOE e denuncia que continúan "poñendo a súa ideoloxía por encima do sentimento e os valores da ampla maioría dos pontevedreses".
As críticas da concelleira céntranse no PSOE, pois argumenta que "do BNG poderiamos esperalo", pero dos socialistas "esperabamos vontade propia e critica para dar un paso á fronte e que mostrase respecto cara á nosa Constitución". Cre que o PSOE ten unha "postura irrecoñecible".
Pardo tamén quixo lembrar que o Partido Popular levou ao Pleno municipal do pasado mes de xullo a petición de limpeza do Monumento á Constitución. A moción aprobouse e que obrigou á Corporación local a limpar os danos que xa levaba arrastrando este símbolo desde hai anos e o 26 de novembro ela mesmo tivo que volver reiterar a súa petición debido. Esta semana, limpouse.