Tráfico 'pon coto' aos patinetes: a menos de 25 km/h e prohibidos por beirarrúas e zonas peonís
Por Alejandro Espiño
Se es usuario dos coñecidos como vehículos de mobilidade persoal, entre eles patinetes eléctricos e 'segways', moito ollo porque a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) puxo punto e final ao baleiro legal que había nas normas de circulación.
Ante o aumento deste tipo de vehículos e a pedimento de policías locais de toda España, a DXT aprobou unha instrución que os regula e unifica os diferentes criterios existentes nos diferentes concellos.
Será de aplicación inmediata e estará en vigor ata que se aprobe a nova normativa de tráfico. As medidas máis importantes son, por unha banda, que non poderán exceder os 25 quilómetros por hora -baixo sanción de 500 euros- e, por outro, terán prohibido circular polas beirarrúas e zonas peonís. Este último suposto estará multado con 200 euros.
Ademais, os seus usuarios non poderán conducilos utilizando o teléfono móbil ou cascos e auriculares que estean conectados a calquera tipo de reprodutor. As sancións para ambos os casos tamén serán de 200 euros por infracción.
A instrución de Tráfico regula, a risco de recibir unha multa de 100 euros, que en cada patinete só pode ir unha única persoa e, no caso de circular de noite, a policía multará con 200 euros aos que non teñan alumado e pezas ou elementos reflectores.
A diferenza doutros vehículos, esta normativa transitoria non esixirá que os donos dos patinetes eléctricos teñan permiso de conducir ou seguro, polo que de ser multados non perderán puntos. Iso si, deberán someterse a probas de alcol e drogas e poderán ser multados con ata 1.000 euros en caso de positivo.
"A regulación formal destes vehículos atópase actualmente en fase de tramitación e o que buscamos con esta instrución é aclarar e dar seguridade mentres se aproba o novo Regulamento Xeral de Vehículos", asegurou Javier Villalba, subdirector de Normativa da DXT.
Relacionadas:
-
Tráfico quere incorporar ao regulamento estatal parte da ordenanza de mobilidade de Pontevedra
Por Redacción |
-
A Policía Local de Marín aprende a actuar ante os patinetes eléctricos
Por Redacción |
-
Mosquera sobre os patinetes eléctricos: "A norma está clara, o que hai son infraccións"
Por Manu Otero |
-
Pedaladas recomenda non usar o patinete eléctrico en Pontevedra ante a "enorme inseguridade xurídica"
Por Redacción |