O PP critica que o Concello de Poio non traia a Papá Noel e "adoctrine" coa Apalpadora
Por Oskar Viéitez
A concelleira do Partido Popular de Poio, Nati Torres criticou este mércores "a cerrazón, o sectarismo e a falta de interese", do goberno local, ao volver suprimir "un ano máis" as visitas de Papá Noel aos centros educativos do municipio "a pesar da demanda veciñal e das queixas de pais e cativos".
A edil popular lamentou a decisión do goberno local conformado polo BNG, PSOE e Avante Poio, que a xuízo do PP demostran que "pesa máis o sectarismo que respectar a ilusión dos nenos", e censurou que pese ás criticas recibidas en anos anteriores, "sigan na súa teima, antepoñendo a ideoloxía á vontade da veciñanza por terceiro ano consecutivo".
Torres censurou ademais a "opacidade ou covardía" do goberno local xa que "no mes de novembro preguntamos en Comisión de Cultura se ía haber visita de Papá Noel aos centros e non nos contestaron, se cadra pola posible reacción da veciñanza".
A popular cualificou tamén ao alumeado de "triste e insuficiente", o que "xunto á supresión do Papá Noel, e o intento de condicionar as festas ideoloxicamente demostran que continúa a falta absoluta de interese e ilusión do goberno local", que fai que "nenos e pais teñan que marchar a outro Concello para desfrutar o Nadal ou dependan de que privados colectivos contacten con Papá Noel para que visite Poio".
Torres criticou que "tamén nestas datas" o goberno local "politice toda a actividade municipal e intente adoctrinar aos nenos e nenas de Poio". E asegura que "se queren introducir os seus personaxes como o 'apalpador' ou a 'apalpadora' son os que gobernan e poden tomar esa decisión, pero sempre sen eliminar o que queren pais e rapaces".
Relacionadas:
-
O PP de Poio rodeará o Concello para protestar contra a subida de impostos
Por Manu Otero |
-
Adoutrina a Deputación coa Apalpadora?
Por Oskar Viéitez |
-
Queixas da asociación San Salvador de Poio polo "precario" alumeado de Nadal
Por Redacción |
-
O Nadal chega a Poio con Apalpadora e espazos para a conciliación
Por Oskar Viéitez |