Envían a prisión ao pontevedrés que acoitelou a súa ex muller en Monte Porreiro
Por Redacción
O xulgado de instrución número 3 de Pontevedra acordou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, do pontevedrés que acoitelou á súa ex muller o pasado domingo nunha vivenda do barrio de Monte Porreiro.
Está acusado, segundo confirmou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, dun presunto delito de homicidio en grao de tentativa.
Ademais, a titular do xulgado pontevedrés activou unha orde de protección en favor da muller e dos seus fillos, ambos os dous menores de idade, pola que se lle impón a prohibición de comunicarse con eles.
A orde inclúe a suspensión da patria potestade dos seus dous fillos e a suspensión do réxime de visitas e comunicacións acordados no seu día.
A vítima, unha muller de 33 anos, segue ingresada no Hospital Montecelo de Pontevedra aínda que, segundo confirmaron fontes hospitalarias, evoluciona favorablemente das súas feridas e podería ser dada de alta nos próximos días.