O monumento da praza da Constitución prepárase para celebrar o 6 de decembro
Por Redacción
O departamento de Parques e Xardíns de Pontevedra está a executar a limpeza do monolito de pedra situado na praza da Constitución no barrio de Campolongo para poñer a punto o monumento conmemorativo de cara á celebración do Día da Constitución, este venres 6 de decembro.
O persoal está a realizar a limpeza cunha máquina de vapor seco, segundo a información facilitada pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural.
A actuación, para a que se destinou un orzamento de 1.400 euros, consiste nunha limpeza e tamén na aplicación dun tratamento antigraffitis: dúas capas de tapaporos e un verniz protector para a evitar a penetración de posibles pintadas na pedra.
O concelleiro do ramo, Iván Puentes, explica que esta intervención estase a levar a cabo cun sistema "non abrasivo e non agresivo" co monumento e estará completamente rematada entre a tarde deste mércores e a xornada do xoves, xusto a punto para o día grande da Constitución.