O Concello renovará a rede de sendas peonís da Xunqueira de Alba
Por Redacción
Optimizar o estado de conservación das sendas da Xunqueira de Alba, moi afectadas polas fortes chuvias que se rexistraron en novembro. É o obxectivo da actuación que vén de contratar o Concello de Pontevedra para renovar toda esta rede de sendeiros.
A obra, impulsada pola concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, ten un orzamento de 12.058 euros e será executada pola empresa EC Casas.
En concreto, esta actuación suporá a rexeneración dun treito duns 500 metros entre unha das pontes que atravesa o río da Gándara, á altura da peaxe da AP-9, e a pasarela do Camiño Portugués a Santiago, xa na rúa da Gándara.
Á marxe das escorrentías de auga polos temporais, segundo explica o edil Iván Puentes, os camiños da Xunqueira de Alba tamén quedaron en mal estado por mor duns traballos realizados por Fenosa con maquinaria pesada nesa zona.
Entre outras obras, o proxecto de renovación da rede de sendas das marismas contempla o levantamento da capa superior da senda actual e a aplicación dun aporte de xabre para asentar o firme.
Neste mesmo espazo natural se está realizando a talla manual duns eucaliptos próximos a unha casa situada nas inmediacións do paseo da Xunqueira.
Esta actuación ten un orzamento de 1.238 euros e enmárcase dentro do plan de eliminación de especies invasoras iniciado despois do verán no primeiro treito da senda fluvial do Lérez e, máis recentemente, no noiro da estrada de acceso a Monte Porreiro.