A RaxoFesta volve esta fin de semana para recadar fondos para o Barro Club de Fútbol
Por Redacción
O Barro Club de Fútbol volve celebrar esta fin de semana a xa tradicional RaxoFesta, un evento creado hai catro anos coa finalidade de recadar fondos para o club que xa está consolidado como unha actividade gastronómica do municipio.
A cuarta edición da RaxoFesta celebrarase o sábado 7 e o domingo 8 de decembro. Abrirá as súas portas o sábado no Pavillón Municipal, onde estará instalada a zona de degustación das diferentes propostas elaboradas polo cátering Valenciaga.
A actriz e escritora de Cuntis Baia Fernández será este ano a encargada de pronunciar o pregón inaugural, previsto para as 20.00 horas. A continuación, a partir das 21.00 horas, empezarase a servir raxo en distintas preparacións: con patacas, ao allo con toque de albariño, en richada, en cazola con salsa de nata e redución de Pedro Ximénez e empanada de raxo. Todas elas estarán á venda a partir de 4 euros.
O evento inclúe numerosas actividades paralelas para toda a familia. Durante os dous días de celebración da RaxoFesta desenvolverase un mercado artesanal coa presencia de diversos postos de artesanía e antigüidades.
O sábado, a partir das cinco da tarde haberá inchables e a actuación do Mago Paco e ás 20.30 horas procederase á presentación das diferentes categorías do Barro Club de Fútbol para esta tempada. Xa pola noite, a partir das 22.30, chegará a música coa actuación de Dani Barreiro & Friends.
A xornada do domingo empezará ás 11.00 horas coa II Xuntanza de Coches Clásicos, que reunirá a medio cento de amantes destes vehículos, e ás 12.00 horas reabrirá a zona de degustación.