Novos cursos formativos de agricultura ecolóxica e informática en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de poñer en marcha novos cursos formativos de agricultura ecolóxica e informática para veciños empadroados que están orientados a mellorar a súa empregabilidade, coñecementos para tempo de lecer ou sociabilidade.
Trátase de dúas actividades impulsadas polo Departamento de Servizos Sociais a través da Deputación Provincial e teñen aberta a súa inscrición, que será de balde, ata o vindeiro martes 10 de decembro. Os interesados poden recabar máis información ou formalizar a súa asistencia nesta oficina municipal.
O curso de agricultura ecolóxica desenvolverase en tres xornadas, os días 10, 12 e 14 de decembro, cun horario de 17.00 a 20.30 horas e cunha carga lectiva de dez horas e media. A actividade terá lugar na sala multiusos do consistorio de Carballedo.
O curso de informática está dirixido principalmente a mulleres e conta con prazas limitadas, pero abrirase a posibilidade de que asistan homes interesados se quedan ocos libres cando remate o prazo de inscrición. Celebrarase entre os días 16 e 20 de decembro entre as 16.00 e as 20.00 horas, polo que conta cunha duración global de vinte horas.
As clases terán por escenario a aula de informática do edificio multiusos de Carballedo, situado ao carón do consistorio.