Celebrar matrimonios civís en Bueu custará 75 euros
Por Redacción
Bueu empezará a cobrar por celebrar vodas civís. O pleno da corporación municipal aprobou na súa sesión deste luns unha ordenanza pola que se fixa unha taxa de 75 euros para a celebración dos matrimonios civís.
A proposta contou cos votos a favor dos grupos do BNG, ACB e PSOE e a abstención do PP e busca cubrir os gastos xerados pola institución municipal na tramitación destes expedientes que medran ano a ano.
O edil de facenda, Julio Villanueva, salientou que Bueu era un dos poucos concellos que non cobraba por este servizo e de aí que decidiran impulsar esta ordenanza fiscal. Tras a súa aprobación na sesión plenaria, a ordenanza entrará en vigor tras a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO).
Este pleno tamén serviu para desestimar as dúas alegacións presentadas ao Orzamento 2019 e aprobalo definitivamente, cos votos a favor de BNG e ACB e en contra do PP e PSOE. Os orzamentos xerais ascenden a unha cantidade de 6.040.000,00 euros.
O alcalde salientou que a evolución financeira do Concello nestes anos foi positiva, e hai dous exercicios nos que os datos demostran un remanente positivo de tesourería, a pesar de non reducir os servizos sociais e de non incrementar ningunha taxa. Pola súa banda, Elena Estévez, voceira do PP, mostrou a desconformidade do seu grupo pola demora na aprobación e a concelleira socialista, Elisa Dios, apuntou que é "importante que se realicen uns orzamentos transparentes, racionais e con antelación".
Por unanimidade, aprobouse unha moción conxunta de apoio ao sector do mar e industria da comarca fronte aos proxectos de reforma da Lei de Costas e do seu Regulamento.