Unha muller ferida nunha colisión entre dous coches e un camión
Por Redacción
A colisión entre dous coches e un camión na parroquia de Santa Maria de Rubiáns, no concello de Vilagarcía de Arousa saldouse cunha muller ferida este mediodía.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ás 13:30 horas cando unha das implicadas no accidente chamou ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) para solicitar axuda. No seu relato indicaba que non era capaz de saír do seu vehículo polos seus propios medios e que os ocupantes do outro automóbil sinistrado tamén presentaban dificultades para abandonalo.
Decontado, os xestores do CIAE puxeron os feitos en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Vilagarcía e tamén dos membros de Protección Civil da localidade.
Unha vez no lugar dos feitos, os servizos de emerxencia comprobaron que todos os implicados no accidente atopábanse liberados e accesibles e descartaron o uso do material de excarceración. Finalmente, a ferida puido ser evacuada polos servizos sanitarios en ambulancia ata o centro hospitalario de referencia.
Tamén acudiron ao lugar do accidente os axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local co fin de restablecer as condicións de seguridade na vía.
SAÍDA DE VÍA EN VILANOVA DE AROUSA
Unha hora despois, o 112 Galicia recibiu o aviso doutro accidente na EP-9703, en Vilanova de Arousa. Segundo a información facilitada ao 112 polos servizos de emerxencia, unha persoa foi trasladada ao Hospital do Salnés despois que o vehículo no que viaxaba se saíra da vía ao seu paso polo lugar de Ousensa, na parroquia de Santa María de Caleiro.
Ademais dos profesionais sanitarios desprazáronse ata o lugar, tras ser avisados polo 112, os Bombeiros de Vilagarcía, os axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local e os membros de Protección Civil da localidade.