Marín lembra á mocidade a necesidade de usar preservativo nunha campaña de sensibilización sobre a SIDA
Por Redacción
O Concello de Marín, a través do CIM, desenvolve unha campaña na que se repartían preservativos durante este luns de forma gratuíta en diferentes espazos públicos dentro dunha iniciativa para sensibilizar á mocidade sobre o uso deste método anticonceptivo e ofrecerlles información sobre as enfermidades de transmisión sexual.
Esta campaña leva a cabo con motivo da celebración este domingo do Día Mundial da SIDA. O Grupo para a investigación de ETS/SIDA indica que as enfermidades de transmisión sexual, entre as que se inclúe a SIDA, representan un dos principais problemas para a saúde pública en todo o mundo.
As persoas con idades comprendidas entre os 15 e os 24 anos representan o 50% das persoas que son diagnosticadas con enfermidades de transmisión sexual cada ano. Un 25% porta o virus de papiloma humano.
A práctica de sexo sen protección, as relacións sexuais a idades máis temperás ou o abuso do alcol e das drogas atópanse entre os principais factores de risco.
O Concello de Marín lanza, desta forma, a campaña co lema 'O sexo sempre CON-SENTIDO', no que, por unha banda, se tenta evitar condutas de risco e por outra, insiste en que as prácticas sexuais deben ser consentidas.