O programa "Club de ciencia" chega a 38 centros educativos de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Un total de 38 centros educativos públicos da provincia de Pontevedra (11 de nova incorporación este ano) desenvolverán durante o presente curso o "Club de ciencia", unha iniciativa da Xunta que ten como finalidade estimular o espírito científico entre o alumnado galego ao tempo que impulsar as vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas).
Nunha visita ao IES Luis Seoane de Pontevedra a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, sinalou que este é o cuarto ano consecutivo que se pon en marcha esta iniciativa.
Os clubs, para os cales a Consellería de Educación destina 1.250 euros para cada centro, nacen como un espazo de aprendizaxe non formal baseado nunha metodoloxía de indagación onde os docentes suxiren diferentes accións enfocadas ao alumnado co obxecto de que poidan dar resposta ás súas curiosidades e aos seus intereses e resolver problemas.
O obxectivo da mesma pasa por fomentar o espírito científico e a curiosidade do alumnado, o que favorece, en consecuencia, o traballo das áreas denominadas STEM, unha das prioridades da Consellería de cara aos próximos anos.