Desartellan un grupo criminal especializado en roubos en establecementos de hostalería
Por Redacción
Seis persoas -catro homes e dúas mulleres- integraban, segundo a Garda Civil, o grupo criminal especializado en roubos en establecementos de hostalería que foi desarticulado en Vigo. Investígaselles en relación a unha trintena de roubos en cafeterías, bares e restaurantes, entre eles tres en Vilagarcía, dous en Caldas de Reis e Cambados e un Pontevedra.
Segundo informou o instituto armado, cinco destas persoas foron detidas e unha sexta figura como investigada. Todas elas quedaron en liberdade provisoria con cargos tras declarar perante o xulgado de instrución número 1 de Caldas de Reis
A Garda Civil destaca que se trata dun grupo criminal perfectamente estruturado cun amplo historial de antecedentes por delitos contra a propiedade e cunha dilatada experiencia neste tipo de roubos con forza.
Todos eles, segundo os investigadores, actuaban de forma coordinada, organizada e co rostro sempre cuberto, en grupos de dous e tres persoas e empregando unha ampla variedade de vehículos nos seus desprazamentos
As investigacións realizadas no marco da denominada operación "Varadoiro" iniciáronse a principios deste ano por mor dun roubo que se cometeu nun bar de Caldas de Reis.
A medida que se foi avanzando nas pescudas, púidose esclarecer unha trintena de roubos con forza cometidos durante os últimos meses.
As identificacións e detencións dos membros deste grupo criminal viñéronse facendo de forma graduada desde principios do mes de outubro. Trátase de cinco veciños de Vigo, tres homes e dúas mulleres, con idades comprendidas entre os 33 e os 45 anos. Unha sexta persoa, tamén veciña de Vigo foi notificada como investigada polos mesmos delitos.
En total esclarecéronse 31 roubos con forza en bares, cafeterías e restaurantes. A maior parte deles, 26 concretamente, foron na provincia de Pontevedra: 5 en Nigrán, 3 en Baiona, Ponteareas e Vilagarcía de Arousa; 2 en cada un dos municipios de Porriño, Gondomar, Tui, Caldas de Reis e Cambados; 1 na Cañiza e outro en Pontevedra.
O radio de acción deste grupo organizado estendeuse á provincia da Coruña, cun roubo na localidade de Padrón, e mesmo fóra da comunidade autónoma, con 2 roubos en Salamanca e outros 2 na localidade zamorana de Tábara.
En todos os casos investigados destaca a especial violencia que os compoñentes do grupo empregaban para romper as máquinas recreativas, cuxa recadación era o seu principal obxectivo.
Na maior parte dos locais esnaquizaban as máquinas golpeándoas cun tallo, causando danos materiais de especial consideración. O diñeiro subtraído alcanza os 60.000 euros e os danos materiais superan os 48.000 euros.