Medio Natural restaurará un lavadoiro en Campolongo
Por Redacción
Algo máis de 2.800 euros investirá o Concello de Pontevedra, a través da concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, na restauración dun vello lavadoiro situado no barrio de Campolongo.
O lavadoiro, en concreto, está nas inmediacións do Centro de Recursos Educativos da ONCE, nun camiño adxacente á rúa Santa Lucía.
Esta actuación permitirá reparar algunhas gretas e fisuras que apareceron no alxibe polo paso do tempo e que fan que a auga se filtre a través da pedra, impedindo que se estanque con normalidade.
O proxecto de restauración do lavadoiro é unha obra solicitada polos propios veciños do barrio de Campolongo ao tratarse dun equipamento que, á marxe da utilidade que se lle dá, ten un valor patrimonial e inmaterial para a xente que vive na zona.
Ademais de contratar esta intervención, o departamento que dirixe Iván Puentes tamén vén de asinar a contratación do servizo para a colocación dunha varanda de madeira na senda peonil do Gafos, á altura do Avelino Montero.
Outro valado de madeira, neste caso para unha zona de xogos, será colocado no perímetro do concorrido parque infantil de Barcelos, que custará máis de 4.800 euros.