Os vehículos clásicos e deportivos conquistan aos pontevedreses na praza de España
Por Redacción & Diego Torrado
Unha trintena de vehículos clásicos e deportivos acapararon na tarde deste sábado a atención de pontevedreses e visitantes que paseaban pola praza de España. Trátase dos vehículos participantes nunha concentración e un roteiro turístico entre Pontevedra e Portonovo, en Sanxenxo.
Organizado polo Rally Club de Inverno en colaboración coa Concellería de Deportes de Pontevedra, o paseo turístico percorreu varias pistas dos montes existentes entre Pontevedra e Sanxenxo, ata chegar a Portonovo. Antes de saír de Pontevedra, amosaron o seu poderío e recibiro a visita, entre outros, do tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, que mesmo se animou a probar algún dos coches e despedir á comitiva antes de arrincar camiño a Portonovo.
Entre os participantes hai condutores e acompañantes (trátase de parellas, na súa maior parte) procedentes de diferentes puntos de Galicia, España e Portugal.
Segundo explicou o presidente do Rally Club de Inverno, Carlos Alonso, este encontro ten un carácter lúdico, informal e festivo, "como unha reunión entre amigos para celebrar anticipadamente o Fin de Ano".
A intención da organización é converter esta cita nun estímulo "para recuperar a competición automobilística que xa se celebrou varios anos e que chegou a reunir un centenar de coches en Pontevedra". "Sería unha carreira de regularidade e na que participarían coches clásicos", engaden.