Interceptan un coche con plásticos opacos en lugar de cristais e o condutor dá positivo en drogas
Por Redacción
Un condutor enfróntase a dúas infraccións administrativas que pode levar consigo unha sanción de ata 1.200 euros e a perda de seis puntos do permiso de condución tras ser sorprendido pola Garda Civil circulando baixo os efectos das drogas e con irregularidades no seu vehículo.
Unha patrulla de seguridade cidadá da compañía da Garda Civil de Pontevedra detectouno cando circulaba de noite pola autoestrada AP-9 levando dous plásticos opacos nos portelos dianteiros, que dificultaban a visibilidade.
O vehículo saíu da autoestrada na estrada N-531 e os gardas interceptárono á altura do punto quilométrico 0,800. Unha vez que lle deron o alto, comprobaron que os portelos das dúas portas dianteiras carecían de cristais e levábaas cubertas de forma rudimentaria con dous plásticos opacos que lle impedían ao condutor a visibilidade da estrada.
Os axentes procederon á identificación do condutor, que resultou ter antecedentes por infraccións administrativas relacionadas cos estupefacientes, e pediron o apoio dunha patrulla do destacamento de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra para realizarlle a proba de detección de drogas.
A proba deu resultado positivo en cocaína e opiáceos. Agora haberá que confirmar eses resultados no laboratorio e, se se confirman, enfrontarase a esas dúas infraccións administrativas ao Regulamento Xeral de Circulación que pode levar consigo unha sanción económica de ata 1.200 euros e a detracción de seis puntos do permiso de condución.