Moraña proxecta a remodelación da casa consistorial
Por Redacción
O goberno local de Moraña está a perfilar todos os detalles para acometer unha remodelación integral da casa consistorial e a humanización da súa praza anexa. Por iso pretende pechar diversas cuestións sobre este proxecto nos vindeiros días co obxectivo de incluilo no Plan de Investimentos dos Orzamentos Municipais 2020, actualmente na súa fase final de elaboración.
A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, explicou que o consistorio está "completamente obsoleto" e presenta moitas deficiencias para atender axeitadamente aos veciños, xa que todas as dependencias, agás Servizos Sociais, o CIM e o salón de plenos, están no primeiro andar e non hai ascensor, o cal dificulta a atención de persoas maiores, con discapacidade ou con problemas de mobilidade.
A reforma, que podería contemplar certa ampliación para gañar superficie, pretende converter o inmoble "nun lugar máis espacioso, cómodo, confortable, funcional e, sobre todo, que respecte e favoreza a accesibilidade".
Paralelamente, e dado que as obras poderían afectar á contorna do consistorio, o goberno de Piñeiro tamén proxecta "unha certa humanización e mellora estética" da praza anexa, que actualmente só se emprega de estacionamento e está delimitada por paredes en formigón ou cemento.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, xa anunciou, nunha visita realizada a Moraña o pasado mes de xullo, o seu apoio "a unha obra moi necesaria que estamos en condicións de afrontar cando sexa xustificada, como é este caso".
O goberno local ten "sete grandes proxectos" para este mandato. Dous deles, o Centro Social de Alende e a fibra óptica están en obras, a remodelación do Campo de Fútbol de Mirallos está a piques de adxudicarse e agora queren acelerar esta actuación no consistorio para que só resten por facer as melloras paisaxísticas das Laxes e da Pontenova e a urbanización da explanada anexa ao Mercado.