Ten un accidente no centro de Pontevedra, foxe do lugar e atópano nunha discoteca bébedo
Por Redacción
Un condutor de 65 anos foi localizado na noite do pasado sábado nunha discoteca da parroquia pontevedresa de Cerponzóns despois de que tempo antes se vira implicado nun accidente de tráfico no centro de Pontevedra e se dera á fuga. Cando o encontraron deu positivo na proba de alcoholemia e recoñeceu a súa implicación no accidente.
Todo sucedeu sobre as 20.00 horas do sábado. A Policía Local recibiu un aviso dun accidente por alcance con resultado dunha persoa ferida na avenida Alexandre Bóveda. Un primeiro vehículo parou diante dun paso de peóns e o vehículo que circulaba detrás golpeouno, producindo importantes danos nos dous vehículos.
O condutor do segundo vehículo baixou do coche e o do primeiro comunicoulle que chamaría á Policía Local. Nese momento, ausentouse do lugar. Cando chegou unha patrulla policial, o primeiro condutor díxolles que o outro vehículo se dera á fuga en dirección a Santiago e facilitou unha descrición do vehículo.
Unha patrulla da Policía Local de Pontevedra tratou de seguilo e ao chegar á citada discoteca, localizaron un vehículo que correspondía coas características facilitadas polo primeiro condutor e que tiña un forte golpe na carrocería como consecuencia do accidente. Os policías preguntaron no interior da discoteca polo dono do citado vehículo e un home de 65 anos con evidentes signos de acharse baixo a influencia de bebidas alcohólicas identificouse como tal.
O home recoñeceu que fora o causante do accidente e que consumira alcol. Os axentes sometérono á proba de alcoholemia e deu resultado positivo en 0.63 miligramos por litro de aire expirado.
A Policía Local de Pontevedra instruíu dilixencias ao Xulgado de Garda de Pontevedra por un delito contra a seguridade viaria por condución baixo os efectos do alcol.