A Deputación aprema á Xunta para que inicie os traballos na Vía Verde do Salnés
Por Oskar Viéitez
O Pleno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres unha moción do Partido Socialista na que se solicita á Consellería de Medio Ambiente que "licite e execute canto antes" o tramo pendente da Vía Verde do Salnés para que a totalidade do itinerario estea dispoñible como recurso turístico durante o ano 2020.
Este mesmo mes de novembro a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez comunicou que a Xunta ten intención de completar estas obras pendentes respondendo así a unha carta que lle enviou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, para reclamarlle o desbloqueo deste proxecto.
O PP tachou de "farsa" esta moción por buscar "a confrontación política". O PSOE argumenta que a Deputación asinou un convenio cos concellos de Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis e Portas en decembro de 2018 por valor de 356.186 euros, dos que a Deputación achegou 200.000 e os tres municipios asinantes o importe restante en proporción á súa poboación. Por tanto, segundo López Font, foi a Xunta a que "non ten vontade política" de sacar adiante este recurso turístico.
O grupo provincial socialista pretende con esta moción que a Consellería concrete o importe definitivo da súa achega, os prazos de inicio e execute os traballos.
O roteiro aproveita 10 quilómetros das vellas vías o tren, agora en desuso, para transformalas nunha senda peonil e ciclista que partirá de Rubiáns, en Vilagarcía, e terminará na estación de Portas.
PLAN CONCELLOS
A corporación provincial tamén aprobou nesta sesión plenaria de novembro, cos votos do PSOE e o BNG, as bases reguladoras e a convocatoria do plan provincial de obras e servizos, coñecido como Plan Concellos.
O Partido Popular abstívose na votación deste punto "recoñecemos como positivo que a Deputación cumpra coa lei e coas súas competencias", dixo o portavoz popular Jorge Cubela, quen acto seguido reprochou que "é insuficiente" a cantidade destinada aos concellos "diñeiro hai, falta vontade", engadiu. "Se queren que o Partido Popular vote a favor metan máis cartos".
Acto seguido Cubela acusou ao Goberno provincial de descoñecer as preocupacións dos pequenos concellos porque "vostedes representan ao PSOE de Vigo e BNG de Pontevedra". Para resolver esta cuestión desde o PP "tendémoslles a nosa man", concluíu.
"Se acabó el caciquismo en esta casa", replicoulle o portavoz do grupo socialista Carlos López Font que do mesmo xeito que o vicepresidente César Mosquera, en nome do BNG, lembrou ao PP que o Plan Concellos transferirá 42,2 millóns de euros aos Concellos no marco deste programa, unha cantidade que volve situar á Deputación de Pontevedra como "la que más recursos dedica a los ayuntamientos de toda España".
MUSEO DE PONTEVEDRA
O Pleno tamén aprobou de maneira definitiva o Regulamento do Consello Asesor do Museo de Pontevedra. "Hoxe é un día importante" valorou o vicepresidente Mosquera ante a conclusión dun proceso que deixará "un museo mellor" con esta nova etapa "ilusionante e ambiciosa".
Para Mosquera "sen ningunha dúbida" o de Pontevedra "é o mellor museo de toda Galicia". Nos próximos días o director desta entidade fará a súa proposta de persoas que integren este Consello.
A portavoz do PP, Pepa Pardo, xustificou o voto en contra do seu partido asegurando que este regulamento do Consello Asesor abre a porta a unha "absoluta injerencia política" nesta institución museística.
Os populares tamén presentaron unha moción na que reclamaron a rehabilitación e reapertura dos edificios históricos do Museo de Pontevedra: Castro Monteagudo, García Flórez e Fernández López, e axilizar a reapertura das Ruínas de Santo Domingo.
Esta mesma semana César Mosquera presentou o proxecto de rehabilitación que adoptará a Deputación e que está inspirado no Louvre, contemplando a conexión baixo terra dos tres edificios, co que duplicarán así a súa capacidade expositiva.
Para o PP está proposta "es humo" e insistiu a apertura "inmediata" de "la manzana cultural". Mosquera defendeuse desta acusación dicindo que "lle aseguro que desde hai meses en altos despachos de San Caetano está este proxecto" e citou tamén as xestións iniciadas con Patrimonio. Pola súa banda, López Font pediu aos populares que "dejen trabajar con sentidiño" y no traigan mociones "oportunistas".
"Os trámites están enfocados e ímolo a facer", concluíu o vicepresidente da Deputación antes da votación final desta moción do PP que foi rexeitada co voto en contra do PSOE e o BNG.
Relacionadas:
-
As obras da segunda fase do proxecto da Vía Verde do Salnés comezarán a mediados de marzo
Por Oskar Viéitez |
-
Medio Ambiente completará a comezos de 2020 o itinerario da Vía Verde do Salnés
Por Oskar Viéitez |
-
O Museo unirá baixo terra os edificios Castro Monteagudo, García Flórez e Fernández López
Por Alejandro Espiño |
-
O PP require que a rehabilitación dos edificios históricos do Museo sexa prioritaria para a Deputación
Por Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
O novo edificio do Museo destinado á arqueoloxía estará en Valdecorvos
Por Alejandro Espiño |