Campo Lameiro creará un protocolo de actuación ante casos de violencia machista
Por Redacción
O municipio de Campo Lameiro porá as bases para contar cunha ferramenta efectiva para facer fronte a un posible caso de violencia machista no seu territorio. Será mediante un protocolo de actuación, protección e acompañamento das vítimas.
Así se acordou tras a xuntanza na que se constituíu a mesa interinstitucional contra a violencia de xénero en Campo Lameiro para avanzar nas medidas de prevención e coordinación entre departamentos implicados na loita contra o maltrato.
Xunto ao alcalde, Carlos Costa, participaron entre outros representantes da Deputación de Pontevedra, da Xunta de Galicia e da Subdelegación do Goberno, a traballadora social do Concello, unha educadora familiar, o sarxento xefe da Garda Civil en Cuntis, os partidos da oposición, asociacións de veciños, vítimas da violencia, a ANPA ou o cura párroco da vila.
Os obxectivos fixados polos asistentes foron a detección precoz de casos de violencia de xénero, optimizar a condición dos axentes implicados na loita contra esta lacra, ofrecerlles unha atención e unha resposta áxil ás vítimas e mellorar a protección das que presenten un alto risco e sensibilizar na materia tanto aos profesionais como á poboación en xeral.
Ademais, intercambiáronse experiencias e información sobre os problemas que se atopan á hora de aplicar un protocolo de coordinación entre os diversos recursos que poñen as administracións públicas a disposición das vítimas e apostaron por unha maior información para lograr unha maior eficiencia dos recursos dispoñibles.
Visibilizar, animar á denuncia e asumir que o problema da violencia de xénero é un tema colectivo foron os temas que marcaron o debate e as aportacións dos asistentes que coincidiron en sinalar que as novas tecnoloxías e as redes sociais estanse a converter nun novo sistema de dominación e acoso machista que precisa dun tratamento especial para evita-lo mal uso e as relacións tóxicas e os roles de sexo.
Tamén incidiron na necesidade de implicar á familia, á comunidade educativa e veciñal nos labores de prevención e rexeitamento de comportamentos machistas, a loita contra o acoso, o abuso sexual e o maltrato en xeral.
A parte máis dura estivo protagonizada por varias vítimas da violencia de xénero, de fóra do municipio, que evidenciaron o longo camiño que aínda falla para que esta lacra desapareza.
Estas mulleres reivindicaron unha xustiza máis áxil e sensible aos problemas reais que padecen as vítimas e defenderon a necesidade de que desde as administracións implanten medidas que garantan a protección persoal, económica, psicolóxica e familiar das afectadas pola violencia machista.