A Xunta remata a primeira fase do acceso ao Hospital de Monte Carrasco
Por Oskar Viéitez
A empresa CRC Obras e Servizos S.L. remata estes días o desdobramento do vial O Pino-Bora, o vial deseñado pola Xunta como primeira fase do acceso ao Hospital de Monte Carrasco.
Cumpríronse xa 27 meses dende que a Consellería de Infraestruturas adxudicase as obras da PO-542, foi a principios do ano 2011.
Son 1.300 metros de estrada con catro carrís, amplas beirarrúas, servizos subterráneos e tres glorietas que salvan un muíño catalogado por Patrimonio e a canle dun río.
Mentres tanto segue pendente de resolver o recurso contencioso administrativo presentado polo Concello contra a obra ao considerar que non se axustaba ao Plan de Urbanismo vixente en canto ás aliñacións da futura rúa.
Non obstante aínda que o futuro deste vial é incerto en canto ao proxecto de Hospital paralizado en Monte Carrasco, a súa xustificación parece máis despexada respecto ao primeiro tramo da rolda urbana.
A Deputación e o Concello teñen previsto sacar a concurso o proxecto de redacción de xeito inminente, acompañado do proceso expropiatorio. Espérase que a xunta de goberno provincial aprobe a semana que vén os pregos do concurso.
Curiosamente o desdobrado vial Pino-Bora poderá estar conectado co Hospital Montecelo a través da rolda, espérase que en 2015, antes que co que xustificou o seu deseño, o de Monte Carrasco sen data aínda.