Un pontevedrés tradea a parede da vivenda lindeira e róuballe o cable da antena da televisión
Por Natalia Puga
Curiosa escena a que se atoparon os axentes da Policía Local de Pontevedra nos últimos días. Responderon a unha chamada veciñal e, ao chegar, atopáronse con que o veciño da vivenda contigua tradeara a parede doutra vivenda contigua para roubarlle o cable de antena da televisión.
Os feitos producíronse sobre as 20.30 horas da tarde do pasado venres 22 de novembro. O inquilino dunha vivenda pedía a súa intervención ante a actuación da persoa que reside na vivenda contigua e unha patrulla da Policía Local desprazouse ata o domicilio.
O alertante estaba no seu domicilio e sentiu tradear na parede do salón. Posteriormente, quedou sen sinal de antena e, cando retirou a televisión para ver que pasaba, comprobou que lle desaparecera o cable. Puido comprobar tamén que o cable se metía na vivenda lindeira.
Os axentes da Policía Local de Pontevedra entrevistáronse co veciño que coincide coa parede do salón, quen manifestou que probablemente fora o fillo e que descoñecía os feitos.
Os axentes constataron que efectivamente o cable da casa deste segundo veciño procedía da vivenda lindeira, desconectárono e devolveron o cable ao domicilio de procedencia.
A propietaria da vivenda -o alertante foi un inquilino- non presentou denuncia, de modo que os feitos quedaron nunha anécdota, na que resulta imposible que a Policía Local actúe de oficio proque non hai denuncia por danos e o sinal de televisión non se pode cuantificar nin tasar.