Os sindicatos dan o seu 'visto bo' á paga de produtividade no Concello
Por Redacción
Os traballadores municipais recibirán nunha das súas próximas nóminas un complemento que, a modo de paga de produtividade, compensará o exceso de traballo que tiveron durante os meses de maio, xuño e xullo.
O Concello repartirá de xeito proporcional unha partida de 270.000 euros, que supón unha media de 550 euros por traballador en activo entre o 1 de maio e o 31 de xullo.
Neste período, a carga de traballo das plantillas do Concello viuse incrementada pola ausencia de listas de interinidade que puideran afrontar as numerosas baixas existentes, o que obrigou os servizos a redobrar esforzos para asumir un traballo e seguir mantendo o nivel de atención pública como cada día, incrementado polo período electoral e de constitución da corporación.
A mesma produtividade recibirán os traballadores que estean de permisos de maternidade ou paternidade, mulleres vítimas de violencia ou persoas que estean de baixa por accidentes laborais, que serán tratados como traballadores en activo.
Queda excluído o persoal que estaba de baixa médica naquel momento e non se viu afectado, polo tanto, polo aumento da carga de traballo.
Así o acordou a mesa de negociación entre o Concello e os sindicatos. Once dos dezaoito delegados dos traballadores votaron a favor desta medida. Só se opuxo o Sindicato de Policía, mentres que Comisións Obreiras abstívose e a CIG ausentouse da reunión.
A concelleira de Persoal, Carmen Fouces, celebrou a vontade expresada por ambas partes para chegar a un acordo que, segundo avanzou, senta as bases do que serán as futuras relacións laborais entre os representantes sindicais e o goberno.