A Deputación lanza unha campaña para fomentar a tenza responsable dos animais
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer este mércores a nova campaña de sensibilización do Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) que xestiona a institución na Armenteira, e que dá servizo a 48 concellos da provincia, cunha poboación estimada de 400.000 habitantes.
Esta nova campaña, baixo o lema "Esteriliza, adopta", quere aproveitar a proximidade das festas do Nadal para facer fincapé "na importancia da adopción fronte á compra e tamén na importancia de esterilizar para evitar a cría irresponsable de animais que logo xera tantos problemas e tantos abandonos ou maltrato", como subliñou Silva, que sostén que este problema "mide tamén que sociedade somos".
Acompañaron á presidenta nesta presentación o deputado Manuel González, o veterinario xefe do CAAN José Luis Pedreira, o xefe do Servizo de Asistencia Intermunicipal (SAIM) da Deputación, Gabriel Rodríguez, e "Bonni", unha cadela mestiza que tras ser abandonada foi acollida no centro e adoptada posteriormente. "Bonni" é unha das cadelas cuxa imaxe figura nos 13.340 dípticos e nos 9.031 carteis de "Esteriliza, adopta".
Carmela Silva subliñou que nestas festas "moitos animais son obxecto de agasallo" e a Deputación quere "concienciar a quen estea pensando en facer este regalo para que adopte un can ou cadela en lugar de mercalo", unha actitude "moito máis responsable, máis social e acorde co benestar animal", engadiu.
Por outra banda, a campaña incide na importancia da esterilización, "para evitar a cría de animais que logo en moitas ocasións acaban abandonados".
Silva destacou datos positivos que arroxa ata o momento este 2019, tanto no que se refire ao descenso do número de recollidas, con 1.176 ata o 15 de novembro, por 1.788 en todo o 2018, como no incremento notable das adopcións. "Ata mediados de novembro acadamos 410, superando de largo as 360 de todo o pasado ano, e parece que imos romper o récord de 430 adopcións que obtivemos no 2016". Desde o 2015, lévanse máis de 1.900 adopcións.