Concentración para rexeitar o despedimento laboral por enfermidade
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
Representantes de Comisións Obreiras e da UXT concentrábanse este mércores ante a Audiencia Provincial para mostrar o rexeitamento á sentenza do Tribunal Constitucional que considera legal o despedimento dunha persoa que falte ao traballo o 20% dos días laborables, a pesar de que sexa de forma xustificada como no caso dunha enfermidade.
José Ramón Piñeiro e Ramón Vidal, secretarios comarcais de CC.OO. e UXT, manifestaban que despedir a unha persoa por estar de baixa xustificada durante oito días por razóns médicas é un atropelo aos dereitos laborais e unha volta á época da escravitude. Por este motivo, afirman que esta sentenza é contraria á lexislación da Organización Mundial de Traballo e reclaman a derrogación das reformas laborais de 2010 e 2012.
Neste sentido, alertan ao futuro goberno do Estado que é prioritario que se poña sobre a mesa este tema porque a aplicación das reformas laborais recorta dereitos da clase traballadora, sobre todo, das persoas con contratos máis precarios e con máis dificultades, afectando sobre todo á situación laboral das mulleres.
Apuntan ademais dos perigos que supón a aplicación desta medida que provocará que haxa persoas que sen estar curadas asistan ao traballo por temor a perdelo provocando contagios entre o resto do persoal ou que cheguen a orixinar situacións de risco para a poboación. "É unha situación inconstitucional", asegura José Ramón Piñeiro.
Ramón Vidal tamén se referiu a que o novo goberno, tan pronto se constitúa, deberá eliminar o artigo 52 do Estatuto de Traballadores no que se ampara o Tribunal Constitucional para xustificar o despedimento.