'Elixe Galicia' ofertará preto de 13.000 prazas para fomentar o turismo interno
Por Redacción
A iniciativa 'Elixe Galicia' é un programa da Xunta que busca promover o turismo dos galegos na propia Comunidade, desestacionalizar e descentralizar a ocupación hoteleira e favorecer así o mellor coñecemento de Galicia no seu conxunto, ademais de fomentar o emprego de calidade no sector durante todo o ano. De feito, o turismo supón na actualidade o 10,4% do Produto Interior Bruto de Galicia e o 11% dos postos de traballo.
Trátase dun programa de estadías destinadas a mozos menores de 30 anos, familias con fillos menores e a persoas maiores de 55 anos. A Xunta aspira a beneficiar con esta iniciativa a 12.800 persoas entre 2020 e 2021. De xeito directo, aínda difícil de cuantificar, mellorarase o sector turístico e todos os seus axentes, como os hostaleiros, restauración, transporte, servizos e comercio local. É destacable tamén o pulo ao emprego de calidade, no que os traballadores poidan manter una continuidade durante os doce meses do ano, e non só centralizado na tempada alta. Xa que logo, tanto os meses do verán como o período da Semana Santa quedarán fóra das estadías ofertadas, co fin de favorecer a actividade en tempada media e baixa.
O investimento para este programa é de 1,6 millóns de euros. A Xunta custeará parte das estadías, de xeito que os usuarios aboarán, segundo a tempada e a modalidade que corresponda, o 60% do total, mentres que a Xunta achegará o outro 40%.
FASES DO PROGRAMA
A primeira fase comezará nos próximos días coa licitación do contrato para a creación, organización, xestión e comercialización do programa por parte das axencias de viaxes. A convocatoria para os usuarios abrirase no primeiro trimestre de 2020. A partir dese período, as persoas que desexen participar terán que presentar as súas solicitudes para optar a ser beneficiarios de 'Elixe Galicia'. Esta selección realizarase por sorteo, con reserva de prazas para colectivos especiais como familias numerosas, persoas con discapacidade ou con baixos ingresos. A saída inaugural está prevista para o mes de marzo de 2020.
CATRO TIPOS DE ESTADÍAS
'Elixe Galicia' contará con catro modalidades, que dan resposta a diferentes tipos de turismo: costeiro, interior, de montaña, cultural e mesmo o de saúde, con tratamentos en balnearios.
A modalidade 'Vacacións en zonas costeiras' ofertará 6.700 prazas nos próximos dous anos, terá unha duración de cinco días e catro noites, o aloxamento será en hoteis de 3 estrelas ou superior e incluirá un mínimo de tres visitas ou actividades de medio día.
As 'Rutas de patrimonio histórico e cultural' contan con 2.500 prazas dispoñibles entre 2020 e 2021, terán unha duración de tres días e dúas noites, o aloxamento será en hoteis de, como mínimo, 2 estrelas, contará con servizos de guía e incluirá visitas culturais con relevancia histórico-artística.
No caso das 'Rutas de natureza e montaña' ofertaranse outras 2.500 prazas nos vindeiros dous anos e durarán tres días e dúas noites en hoteis de 2 estrelas ou superior. Ademais de contar con servizos de guía especializado, realizaranse dúas excursións ou actividades de sendeirismo e/ou turismo activo.
Por último, na modalidade das 'Estadías en balnearios' a duración será de cinco días e catro noites en aloxamentos de 2 estrelas ou superior a unha distancia non superior aos 20 quilómetros do balneario, talaso ou establecemento de saúde e benestar. O programa incluirá, ademais dun acceso diario ao establecemento, un tratamento por persoa e estancia sen custo adicional, así como prezos especiais reducidos para outros tratamentos. Tamén terá un mínimo de dúas excursións.
Todas as modalidades inclúen transporte desde as catro capitais de provincia e as cidades de Santiago, Vigo e Ferrol.