O IBI supón o 44% dos ingresos por impostos do Concello de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
O Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) supón a metade dos ingresos por impostos dun concello. Segundo o goberno local, no caso de Sanxenxo é o 44% porque aplica a mínima porcentaxe, o 0,40%.
Desde o goberno do alcalde popular Telmo Martín sinalaron que "á oposición non lle gusta a realidade cando esta non lle favorece" e destacan que os veciños de Sanxenxo soportan unha menor presión fiscal que outros concellos da contorna.
O goberno local do PP lembra que no ano 2013 Sanxenxo tivo que facer unha revisión catastral "obrigado polo Ministerio de Facenda". E apuntan que o que si depende do goberno de cada concello é aprobar a porcentaxe que se aplica sobre o valor catastral e que pode oscilar entre o 0,40% e o 1,20%, e neste caso Sanxenxo está no mínimo.
O goberno local de Sanxenxo compara esta presión fiscal coa situación existente nos concellos de Pontevedra, Vilagarcía, Poio e O Grove que "tamén tiveron que facer nos últimos anos unha revisión catastral e, con todo, seguen aplicando porcentaxes moi superiores ao de Sanxenxo" .
Así, a porcentaxe que se aplica sobre o valor catastral no Concello de Pontevedra é do 0,64%; no Grove do 0,58%; en Vilagarcía do 0,51% e en Poio é do 0,47%.
Segundo as contas do equipo de Telmo Martín, se Sanxenxo subise o IBI ata a mesma porcentaxe que na cidade do Lérez pasaría de ingresar os 8 millóns de euros previstos no orzamento de 2020 a 13,1 millóns de euros. "É dicir, teriamos uns 5 millóns de euros máis cada ano para gastar, pero o goberno prefire que ese diñeiro este nas mans dos veciños de Sanxenxo", conclúen.