Meis e Meaño recuperarán a atención pediátrica o 4 de decembro
Por Redacción
Os municipios de Meis e Meaño recuperarán a figura de pediatra a partir do vindeiro mércores 4 de decembro coa incorporación dun novo facultativo. Segundo anuncia a xerencia da área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, prestará servizo de luns a venres durante media xornada nos consultorios de Dena e Mosteiro, tal e como sucedía antes da resolución do concurso aberto e permanente do mes de outubro.
Unha pediatra deixara vacante a praza xa que se lle adxudicou outro posto para realizar a actividade. Esta situación provocou que o Servizo Galego de Saúde, segundo a Xunta, non puidese dispoñer doutro profesional que prestase servizo de Pediatría de Atención Primaria nestes centros. Por este motivo, os menores foron atendidos provisionalmente noutros centros de saúde da comarca.
Actualmente, nesta especialidade, segundo indica a xerencia, o paro é cero e non hai pediatras nas listas de contratación do Sergas, unha situación que provocou dificultades na cobertura da praza de pediatría destes Concellos.