Xa está lista a senda peonil pola travesía vella de Forzáns
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou este venres o remate das obras de execución da senda peonil executada no tramo antigo da travesía de Forzáns, acompañado polo alcalde do municipio, Perfecto Rodríguez, así como por varios veciños da parroquia.
Estas obras foron incluídas nos traballos de mellora da PO-255 executados pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que permitiron executar esta senda na antiga estrada de Forzáns que se convertiu así nun vial interior para o núcleo de poboación.
"Esta nova senda peonil dará servizo aos veciños, tanto para acceder á igrexa, como ao Centro Socio Cultural ou ao equipamento de exercicios psicomotrices situados nas inmediacións", explicou o alcalde. "Deste xeito, os veciños gañan en seguridade viaria pero tamén poderán mellorar o seu estado de saúde, tendo en conta que poderán percorrer os 750 metros lineais da senda e acceder aos aparatos de ximnasia".
Pola súa banda, José Manuel Cores Tourís, insistiu no feito do apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a este proxecto, "xa que permite garantir e mellorar a seguridade vial".
Os veciños agradeceron á Xunta de Galicia a execución desta obra e mostraron a súa satisfacción polo seu remate, recoñecendo que permitirá darlle vida a este entorno e facilitar o acceso peonil a varios puntos da parroquia.