Cinco novos carballos en Moraña para simbolizar o rexeitamento á violencia de xénero
Por Redacción
O carballo foi a árbore elixida polo goberno municipal de Moraña para simbolizar o absoluto rexeitamento social do municipio á lacra da violencia machista. Foi dentro da actividade As mensaxes da árbore da igualdade, que se está realizando en colaboración cos centros educativos da vila.
Esta actividade foi unha das centrais da programación municipal dedicada á comunidade educativa con motivo do 25 de novembro, día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres
Os cinco novos carballos plantáronse en todos os centros escolares do municipio, CPI Santa Lucía, as unitarias de Amil, Espedregueira e O Souto e a escola infantil A Galiña Azul, para concienciar os máis cativos nos valores da igualdade.
Os nenos e nenas de todos os centros escolares plantaron unha árbore nos seus respectivos patios e colocaron unha placa identificativa na que se defende e fomenta a educación en igualdade.
A programación municipal do 25N para as escolas tamén incluíu outras accións como a construción dun quebracabezas pola equidade e a configuración de lemas personalizados en defensa dos valores da igualdade e de rexeitamento e condena da violencia de xénero.
Ademais, a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, leu un manifesto a prol da igualdade e de condena da violencia de xénero ao mediodía ante toda a comunidade educativa do CPI Santa Lucía e avanzou que "non nos detemos" na loita contra a violencia machista e seguirán traballando "na procura da sociedade igualitaria".
Estas accións de sensibilización cos preto de 500 cativos de Moraña deron continuidade ao reparto de carteis informativos de concienciación entre os comercios e de trípticos entre a cidadanía e á exposición "Todos Feministas… e ti?", que poderá contemplarse durante un mes na Casa da Cultura.
Relacionadas:
-
Vilaboa sae á rúa para renovar o seu "firme compromiso" contra a violencia de xénero
Por Redacción |
-
Moraña presume de quince homes "defensores do feminismo" na exposición do 25N
Por Redacción |
-
A alcaldesa de Moraña di que o BNG é un partido excluínte por criticar o programa municipal para o 25N
Por Redacción |
-
O BNG considera "inxusto e inaxeitado" o enfoque do 25- N que fai o Concello de Moraña
Por Oskar Viéitez |