Cerdedo-Cotobade amosa a súa "total repulsa" ante a violencia de xénero
Por Redacción
Cunha dobre concentración, o Concello de Cerdedo-Cotobade conmemorou este luns 25 de novembro o día internacional pola eliminación da violencia contra as mulleres.
Os actos, que se celebraron diante das respectivas sedes administrativas municipais de Carballedo -onde posteriormente se proxectou a curta A Porta Verde- e Cerdedo, reuniron a decenas de persoas e contaron coa colaboración da asociación Mulleres en Igualdade Rural.
En ambas as dúas concentracións leuse un manifesto no que se expresou o "total rexeitamento" da cidadanía a esta lacra social.
O alcalde Jorge Cubela, que por motivos de axenda estaba en Madrid, destacou que o goberno municipal está "plenamente comprometido" na erradicación da violencia de xénero e na defensa e fomento da igualdade e traballa niso "de xeito transversal".
Tras agradecer a participación da corporación, os traballadores municipais e a veciñanza nos actos deste luns, Cubela lembrou que neste mandato, e co propósito de seguir avanzando na consecución dunha igualdade efectiva e real, creouse unha comisión informativa específica de Muller, Igualdade, Servizos Sociais e Loita contra a violencia de xénero.