Novo accidente na vía de alta capacidade que une Sanxenxo e O Grove, cunha persoa ferida
Por Redacción
Unha persoa resultou ferida, con prognóstico leve, nun accidente de circulación en Sanxenxo.
En concreto o suceso tivo lugar ao redor das 11:00 horas deste luns na vía de alta capacidade que une Sanxenxo e O Grove, a VG-4.1, á altura de Adina, onde conta cun só carril por sentido.
No accidente víronse involucrados dous turismos, nun choque lateral, resultando ferido un dos condutores.
Ata o lugar achegáronse efectivos de Emerxencias Sanxenxo, Garda Civil de Tráfico, Policía Local, Bombeiros e persoal do servizo de emerxencias médicas do 061, que atenderon e trasladaron ao ferido.
Trátase dun novo accidente nun punto considerado como negro na rede de estradas pola súa alta sinistralidade.