"Tolerancia cero" en Pontevedra para que a violencia machista "non siga actuando impunemente"
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal de Pontevedra expresou este 25 de novembro, día internacional para a eliminación da violencia sobre a muller, a súa repulsa ante "todo tipo" de violencia machista contra as mulleres e declarou o municipio como un lugar no que existe "tolerancia cero" cara os maltratadores.
Anabel Gulías, en nome de BNG e PSdeG-PSOE, expresou que "hoxe máis que nunca" é necesario visibilizar esta lacra social e demandar "medios reais" desde o punto de vista económico, administrativo, social e político para evitar que a violencia machista "siga actuando impunemente".
A edil lamentou que tras as mobilizacións "históricas" do feminismo organizado activouse un "resorte conservador" e xurdiron colectivos e partidos políticos "que discuten o que antes era incuestionable": a propia existencia da violencia machista.
A este respecto, o manifesto que fixo público o goberno municipal acorda expresar o seu rexeitamento ante calquera posicionamento político que negue a violencia machista ou condene a validez das políticas públicas enfocadas á súa total erradicación.
Ademais, o Concello quixo mostrar este 25N o seu apoio ás organizacións e grupos feministas que actuaron como "catalizadores" dos avances lexislativos e políticos na última década no referente aos dereitos das mulleres.
O goberno municipal de Pontevedra tamén insta o executivo estatal a que modifique a definición de violencia de xénero para adecuala ao que establece o convenio de Istambul e que a violencia sexual sexa recollida "en todas as súas expresións" como violencia de xénero, desde o acoso máis sutil ata a violación máis extrema.
Á Xunta de Galicia, por último, reclámanlle que desenvolva a lei galega contra a violencia en todo o seu articulado, dotándoa de recursos económicos suficientes para poder combater esta secuela social e ofrecer un maior apoio ás vítimas.
"A violencia machista non ten cabida na sociedade que aspiramos a ser, nin na democracia que queremos consolidar. Eliminala dás nosas vidas e protexer ás vítimas non é unha opción, é unha obriga", engade o manifesto do Concello, que lembra que as mulleres " teñen dereito a vivir en liberdade e a que as súas vidas non estean en perigo polo mero feito de ser mulleres".
POLÉMICA ENTRE PSOE E PP
A responsable de Igualdade, Paloma Castro, explicou que esta declaración institucional íase ler no pasado pleno da corporación municipal pero non puido ser pola "actitude intransixente" do PP ao que, segundo a socialista, "non lle parecía ben" que se esixise ao goberno galego o desenvolvemento da lei galega de violencia.
"Non me sorprende, xa que habitan nunha contradición case esquizofrénica", sinalou Castro, que acusa aos populares de 'cayetanizar' a política e protagonizar "tímidos intentos" para defender os dereitos das mulleres e, ao mesmo tempo, "contribúen a instalar" na sociedade o discurso "machista e misóxino" de Vox.
No PP, concluíu a edil socialista, "hai moito machista de libro".
A versión que traslada o PP, con todo, é moi diferente. O portavoz popular Rafa Domínguez, visiblemente enfadado, asegurou que estas declaracións son dunha "bajeza moral absoluta" e condenou a actitude "inadmisible" da concelleira socialista.
Domínguez explicou que esta declaración institucional "nos la enviaron el sábado por la tarde", día e medio antes do pleno, "y le dijimos que sí". Con todo, media hora antes "lo cambiaron completamente" e cando o PP pediu cambiar algunhas cousas para acordalo "la señora Castro se negó y nos dijo que ni hablar".
O dito pola responsable de Igualdade é, segundo o líder popular, "absolutamente maledicente" e avanzou que lle pedirá explicacións polo sucedido.