O "Elcano" finalizará o sábado en Marín o seu 84 cruceiro de instrución
Por Oskar Viéitez
Para as primeiras horas da mañá deste sábado está previsto que fondee na Escola Naval de Marín o buque escola da Armada, "Juan Sebastián de Elcano", poñendo punto e final ao seu 84 cruceiro de instrución.
Será recibido polo comandante director da Escola Naval Militar, os oficiais profesores, o batallón de alumnos, a banda de música e os familiares e amigos dos gardamarinas embarcados.
Como novidade da travesía, este ano o embarque dos alumnos non se realizou en Cádiz, senón en Marín. Ademais nesta ocasión o buque escola levou a cabo unha viaxe de adestramento previo cos alumnos de cuarto curso da Escola Naval Militar e os aspirantes a cabo e cabo primeiro da especialidade de Manobra da Escola de Especialidades de La Graña.
Durante algo máis dun mes realizaron unha viaxe polo Atlántico visitando os portos de Casablanca e Funchal, percorrendo ao redor de 3.000 millas náuticas, para finalizar en Ferrol, onde desembarcaron os alumnos de Mariñeiría.
Posteriormente partiron cara a Las Palmas, San Juan (Puerto Rico), Colón (Panamá), Miami (EUA), Newport, Rhode Island (EUA), Den Helder (Holanda), Santander e Avilés, para agora regresar a Galicia, primeiro a Baiona e finalmente a Marín.
O bergantín acode puntual a celebración, o próximo martes 16, da entrega de despachos e a xura de bandeira dos novos oficiais da Armada, nun acto que presidirán os príncipes de Asturias.
Serán un total de 86 alumnos os que reciban o despacho (dos que nove son mulleres) e 72 gardamarinas os que xurarán bandeira neste acto castrense.
Relacionadas:
-
69 gardamariñas da Escola Naval de Marín embárcanse no 85 cruceiro do Juan Sebastián Elcano
Por Redacción |
-
O Goberno impide protestar ás portas da Escola Naval ante a presenza dos Príncipes
Por Oskar Viéitez |
-
Bicos, aclamacións e apertas á chegada de Elcano a Marín
Por Oskar Viéitez |
-
Cruceiro de instrución abordo do Juan Sebastián de Elcano
Por Oskar Viéitez |
-
Con 86 anos e sen pensar na xubilación
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Cinco minutos de móbil cada tres días
Por Oskar Viéitez |