Os avogados pontevedreses reivindícanse fronte a Vigo: están ao servizo de case o dobre de cidadáns na quenda de oficio
Por Redacción
Manifiesto III Día de la Justicia Gratuita y el Turno de Oficio
Este venres 12 de xullo conmemórase en toda España o III Día da Xustiza Gratuita e da Quenda de Oficio. Este verán o Ilustre Colexio Provincial de Avogados de Pontevedra cumpre o 175 aniversario da súa constitución. Os letrados pontevedreses aproveitaron ambas conmemoracións para reivindicar o seu labor ante os cidadáns e fronte ás ameazas que se están dando nos últimos tempos tanto sobre a continuidade do órgano colexial como sobre a continuidade da Asistencia Xurídica Gratuita tal e como a funciona ata agora.
O decano e o secretario do Colexio, Ramón Jáudenes López de Castro e Alberto Lastres, aportaron datos que sosteñen a "importancia" do Colexio na súa contorna. Así, revelaron que prestan o servizo de asistencia xurídica gratuita a unha poboación de 640.000 habitantes repartida en 11 partidos xudiciais, case o dobre dos 374.000 habitantes dos dous partidos xudiciais dependentes do Colexio de Vigo. A poboación á que asiste o órgano colexial pontevedrés equivale á dependente de Lugo e Ourense en conxunto ou á da unión de Santiago de Compostela e Vigo.
Estas cifras, dadas no ano no que o Colexio Provincial de Avogados cumpre o 175 aniversario da súa fundación, son unha clara demostración da "importancia de preservar" a existencia do órgano colexial, fronte ás ameazas de eliminación de entidades que se deron nos últimos meses. Jáudenes sostén que "los 83 colegios de España son importantes y ninguno debería desaparecer".
A metade dos letrados pontevedreses, 450, están adscritos á quenda de oficio e tramitaron 11.377 expedientes en 2012
En relación coa quenda de oficio, o decano do Colexio indicou que un total de 450 avogados dos preto de 900 colexiados en Pontevedra están inscritos para prestar este servizo, unha cifra que, na súa opinión, é a mellor proba da "implicación" dos letrados con todos os pontevedreses. O seu labor "altruísta" complétase cun servizo de atención gratuito aos usuarios de Cáritas, aos internos do centro penitenciario da Lama sen recursos ou dos afectados polos desafiuzamentos a través das catro oficinas de asesoramento a afectados polas hipotecas que se puxeron en funcionamento noutros tantos municipios da provincia, entre eles Pontevedra e Marín.
O Colexio de Avogados tramitou no ano 2012 un total de 11.377 expedientes da quenda de oficio e no que vai de 2013 xa levan máis de 5.000. O principal motivo polo que se prestou asistencia xurídica gratuita foron os delitos contra a seguridade viaria, seguido dos roubos con forza, lesións, furtos e, en cuarto ou quinto lugar, os casos de violencia de xénero.
A estatística prevé pecharse este ano con cifras similares á de 2012, pero Ramón Jáudenes indica que nesta anualidade os datos veranse un pouco "distorsionados" debido á carga de traballo que chegou de afectados polas participacións preferentes e obrigacións subordinadas ou prexudicados por desafiuzamentos, problemas coas hipotecas ou as cláusulas chan.
O investimento da Xunta é de 9,5 millóns fronte aos 16 de Canarias, con un millón de habitantes menos
Esta implicación de máis da metade dos colexiados pontevedreses coa quenda de oficio contrasta coa "escasa" aposta que realiza a Xunta de Galicia, que en 2012 investiu 9,5 millóns de euros a sufragar a Xustiza Gratuita, unha cifra moi inferior a outras comunidades autónomas con menos habitantes como Canarias. O Goberno autonómico canario inviste nesta partida presupuestaria 16 millóns de euros pese a ter un millón de habitantes menos.
O Colexio de Avogados de Pontevedra fai seu o manifesto elaborado polo Consejo de la Abogacía Española con motivo do Día da Xustiza Gratuita e rexeita calquera intento de recorte dos dereitos e garantías básicas dos cidadáns e o seu financiamento a través das taxas por razóns legais, sociais e ata éticas, pero, sobre todo, porque entende que "a aplicación desas barreiras inxustas e excesivas están obstaculizando ou impedindo a miles de cidadáns o acceso á xustiza e o lexítimo exercicio do dereito á defensa".
Relacionadas:
-
Medio millar de avogados pontevedreses prestan servizos na quenda de oficio
Por Redacción |
-
Os avogados de Pontevedra, líderes galegos en tramitación de Xustiza gratuíta
Por Redacción |
-
Un pontevedrés consegue que lle devolvan 11.509 euros pola cláusula solo
Por Oskar Viéitez |
-
Condenan a NCG Banco a devolver a un pontevedrés o diñeiro cobrado pola cláusula solo
Por Oskar Viéitez |
-
"Confiamos en que el Constitucional tumbe la Ley de Tasas"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Os avogados alertan de "resultados ciertamente negativos" para Pontevedra coas reformas de Gallardón
Por Redacción |
-
Os avogados suspenden a folga a regulamento na quenda de oficio ao recibir resposta a todas as súas demandas
Por Redacción |