Deteñen na autoestrada un condutor con 30 gramos de haxix encima
Por Redacción
A Garda Civil detivo este venres na peaxe da autoestrada AP-9 en Vilaboa un home por un presunto delito de tráfico de drogas.
O dispositivo de seguridade cidadá, no que tamén se detectou unha partida de roupa supostamente falsificada, atopou no transcurso do control un veciño de Mos, de 23 anos, que portaba 30 gramos de haxix.
O home en cuestión viaxaba de acompañante nun Peugeot-Partner ao que se lle deu o alto. Ao proceder á identificación e cacheo dos ocupantes do vehículo, a un deles atopóuselle unha pequena cantidade de haxix que levaba escondida entre a súa roupa, á altura da cintura.
Esta circunstancia propiciou que se realizase a continuación un minucioso rexistro e no interior da guanteira superior do vehículo, situada á altura desta mesma persoa, incautouse unha landra de haxix e outras dúas seccionadas á metade.
O detido quedou en liberdade con cargos coa obrigación de comparecer cando sexa necesario no Xulgado de Instrución de Garda de Cangas, onde se entregou a droga incautada.