Corrixen as filtracións e humidades no centro cultural de Cerdedo
Por Redacción
Unha achega de 35.000 euros por parte da Consellería de Cultura e Turismo permitiu ao Concello de Cerdedo-Cotobade acabar coas filtracións de auga e as humidades que se rexistraban no centro cultural de Cerdedo.
A reforma consistiu na rehabilitación completa da estrutura envolvente e de parte da cuberta para arranxar os estragos existentes que xeraban humidades no interior e producían filtracións de auga polo teito.
Ademais, mellorouse o sistema de recollida de augas pluviais para evitar as escorrentías, reforzouse o revestimento xeral, en especial na parede oeste, á que se dotou de panel sándwich e cambiáronse as pranchas de madeira no interior que estaban deterioradas.
Esta actuación, segundo destaca o goberno municipal, permite mellorar a confortabilidade, illamento e eficiencia deste inmoble municipal, moi empregado xa que acolle actos culturais durante case todas as fins de semana e moitas outras actividades.
Deste xeito, Cerdedo ten completamente rematadas as súas infraestruturas culturais e sociais, xa que a esta rehabilitación do centro cultural engádese a recente nova construción do local social multiusos, que está emprazado na planta superior do almacén municipal.