Marín retirará árbores de Ezequiel Massoni para mellorar o paso dos peóns
Por Redacción
Unha vez se teñan rematados os traballos para instalar o novo mobiliario urbano na rúa Ezequiel Massoni, o Concello de Marín dará orde de retirar varias das árbores da zona para poder mellorar o paso dos peóns.
Así o anunciaron os edís de Urbanismo e Medio Ambiente, Manuel Santos e Marián Sanmartín, durante unha visita a estas obras.
Esta actuación, que responde a unha petición veciñal, permitirá retirar árbores mal situadas nas beirarrúas, que dificultan e entorpecen o tránsito dos peóns. No caso de que sexa posible, buscarase un espazo alternativo para a plantación de novos exemplares.
Mentres tanto, a instalación do novo mobiliario entrou na súa recta final coa colocación dunhas xardineiras esquinadas, con bancos incorporados, que mellorarán a estética da rúa.
Esta actuación ten como obxectivo, ademais de mellorar a imaxe da rúa, evitar os problemas que derivaban do deseño anterior das esquinas, onde moitos vehículos estacionaban indebidamente, xa que os bordos se atopaban rebaixados ao nivel da calzada.
Aínda que a estrutura das xardineiras xa está rematada, falta colocar a madeira que irá superposta na zona de asento dos bancos e ornamentar con máis plantas a parte decorativa da construción.
Esta actuación supón un custe global de 53.592,04 euros.