Educación dota dun almacén á Escola de Restauración
Por Redacción
O xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, visitou a Escola de Restauración da cidade do Lérez para comprobar as obras executadas con motivo da dotación a este edificio dun almacén de entrada e saída para as pezas que son restauradas neste centro.
Durante a visita, o xefe territorial estivo acompañado da directora da Escola, Carmen Lorenzo, así como da Inspección Educativa.
Tal e como explicaron os responsables deste centro, os bens culturais mobles cos que se traballa na Escola de Restauración proceden principalmente de institucións públicas, especialmente museos, aínda que en ocasións xustificadas tamén se traballa baixo convenio con propietarios privados, como é o caso da Igrexa Católica. Este bens reciben neste centro exactamente os mesmos estudos, análises científicos, documentación e tratamentos que se realizarían en calquera outro entorno profesional de conservación-restauración.
As materias prácticas e de laboratorio das diferentes especialidades impartidas (pintura, escultura e arqueoloxía) teñen unha duración cuadrimestral. Ademais disto, por obriga legal o alumnado é de número moi reducido nos laboratorios, dado que en caso de que houbese excesivo alumnado poderían xenerarse riscos de seguridade para os bens culturais en depósito. Finalmente, o alumnado traballa en múltiples obxectos ó longo do curso para mellorar a súa formación didáctica e, obviamente, a súa capacidade, competencia e adicación horaria non se poden comparar coa dun profesional que traballase en exclusiva sobre unha única peza. Estes tres factores combinados explican que o ritmo de traballo para as obras restauradas é comparativamente moi lento con respecto a empresas privadas de conservación-restauración.
A consecuencia é que os bens culturais depositados poden permanecer varios cursos académicos no centro ata que remata o proceso de intervención e poden ser devoltos ós seus propietarios ou custodios. A lexislación impón a obriga para un centro destas características de posuír un almacén de entrada, para as pezas previas á súa diagnose e tratamento, e un almacén de saída, para a obra restaurada.
Dende o pasado mes de outubro a Escola conta cun almacén de obra restaurada que cumpre os máximos estándares na súa climatización e mobiliario, deseñado especificamente para a conservación preventiva do patrimonio cultural, no que a Consellería de Educación investiu 30.000 euros, que tamén permitiron a mellora da sala de exposicións.
Deste xeito, cada obra ou obxecto agarda nas mellores condicións posibles o momento de voltar aos laboratorios ou a devolución á súa ubicación orixinal. Trátase de varias estanterías compactas rodantes e outros elementos versátiles que permiten almacenar un grande volume de materiais nun espazo moi reducido, optimizando os espazos dispoñibles.
Deste xeito soluciónanse as relativas carencias que antes había, derivadas da localización da Escola nun edificio histórico como é o cuartel de San Fernando. Como sucede tamén en moitos museos, o edificio non foi pensado orixinalmente para a docencia, intervención e conservación no ámbito do patrimonio cultural. Iso explica a necesidade das obras realizadas nos últimos anos.
A Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia é un centro oficial dependente da Xunta de Galicia, e é o único nesta comunidade que imparte o Título Superior en Conservación e Restauración de Bens Culturais. Creada no ano 1991, a Escola é o segundo centro deste tipo máis antigo de España. Ademais de formar profesionais, investigadores e científicos, a Escola colabora activa e de forma altruísta na conservación do patrimonio cultural da nosa comunidade autónoma. A maiores, nalgunhas ocasións tanto o alumnado como o profesorado participan en proxectos de protección e conservación do patrimonio no resto de España e, a través de proxectos Erasmus, no estranxeiro.