Rebaixan as penas de prisión para dous veciños de Marín e un de Cambados por tráfico de heroína e cocaína
Por Anxo Lourido
Tres veciños de Marín e un de Cambados, acusados de traficar con substancias estupefacientes, tiñan que ser xulgados este xoves 21 na sección cuarta da Audiencia de Pontevedra. Unha das persoas imputadas, K.G.P., veciña de Marín, non asistía á vista oral, que se celebraba a porta pechada.
Os outros tres acusados chegaron a acordo coa Fiscalía e aceptaron unha rebaixa das penas admitindo os cargos. A.C.L., con domicilio en Marín, e F.J.P.M., veciño de Cambados, aceptaron penas de 3 anos de prisión. contaban con antecedentes xudiciais con penas de cárcere por un delito de consumo e posesión de drogas, que foran suspendidas. O fiscal solicitara inicialmente 5 anos e 9 meses de prisión para estes dous imputados ao consideralos o xefe do grupo e o provedor.
Pola súa banda, A.C.F.S., veciño de Marín, aceptaba os dous anos de prisión que a súa defensa acordou finalmente co Ministerio Fiscal, que rebaixa así en dous anos e medio a súa petición inicial de condena.
En todos os casos acordouse a suspensión da pena sempre que os tres condenados se sometan a tratamentos de desintoxicación, segundo explicaba un dos letrados da defensa.
A Policía Nacional estimaba, segundo o escrito da Fiscalía, que na intervención na que se detiña a estas persoas entre febreiro e maio de 2018 se incautaban 5.000 dose de heroína e 1.200 de cocaína, ademais dunha pistola de fogueo.