Sanxenxo renovará o céspede artificial do campo de fútbol do Revel
Por Redacción
Algo máis de 245.000 euros investirá o Concello de Sanxenxo para renovar o céspede artificial dun dos campos de fútbol máis utilizados do municipio, o do Revel (Vilalonga).
Estas instalacións, lembra o Concello, contan cun céspede artificial deportivo instalado hai dez anos que, co paso do tempo e o desgaste do seu uso, xa que non supera as probas de absorción de impactos, de rebote do balón ou de rodadura do balón.
Ademais, aproveitarase os traballos para realizar outras melloras como a renovación do sistema de rego por aspersión.
O campo de fútbol do Revel ten unhas dimensións de 105 x 65 metros. Úsase todas as tardes de luns a venres para adestramentos e as fins de semana, segundo calendario, xogan como equipos locais un total de doce equipos.
As obras teñen un prazo de execución de dous meses e consistirán no desmonte e retirada de todo o equipamento deportivo e do céspede artificial existente, a extracción do recheo de area e granulado de caucho, a limpeza do aglomerado asfáltico cunha varredora ou a retirada dos canóns de rega en superficie e as electroválvulas existentes.
O novo céspede artificial estará composto por unha base elástica prefabricada de 10 milímetros de espesor, céspede artificial última xeración, unha dobre capa de polipropileno e un recheo con area e granulado elástico. Ademais, estará sinalizado para fútbol e fútbol 7.