A Policía acaba coa venda e consumo de droga nun piso do centro de Marín
Por Redacción
Unha vivenda na que non só se vendía droga senón na que aqueles que a compraban podían consumila dentro. É o punto negro que desarticulou a Policía Nacional en pleno centro de Marín coa detención dos seus responsables, dúas persoas de 53 e 47 anos.
Ambos teñen antecedentes policiais e investíganos agora por un delito de tráfico de drogas pola venda polo miúdo de cocaína, heroína, haxix e marihuana a terceiras persoas que a diario frecuentaban o domicilio.
A colaboración cidadá foi fundamental nesta investigación, xa que foron varios particulares os que, a través das asociacións de veciños ou a título particular, alertaron o pasado mes de maio da actividade que se realizaba neste inmoble.
Os veciños denunciaban que esta situación estaba a xerar inseguridade na zona pola gran afluencia ao lugar de persoas alleas, presuntamente toxicómanos, que en ocasións tiñan enfrontamentos entre eles na vía pública.
A investigación, coordinada polo Grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes da Policía Nacional, permitiu detectar primeiro varias vendas de pequenas cantidades de heroína e cocaína, que foron incautadas aos seus compradores
A partir de aí, a operación desembocou coa intervención da vivenda e a detención dos seus responsables, que foron postos ao dispor da autoridade xudicial.