Alerta laranxa por temporal costeiro
Por Oskar Viéitez
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta ten activada alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Pontevedra.
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso costeiro traerá ondas de 4-6 metros, por mar combinada do oeste-noroeste.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.
Debido ao temporal costeiro, recoméndase permanecer lonxe da liña de costa e das praias e paseos marítimos e tamén se aconsella a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras.
PREVISIÓN DE METEOGALICIA
A previsión de MeteoGalicia para este xoves indica que nesta xornada mantéñense os ventos do suroeste, polo que non se agardan cambios na situación meteorolóxica. Así, os ceos estarán parcialmente cubertos, con chuvascos máis frecuentes na metade oeste. Pola noite as precipitacións serán persistentes e máis intensas nas comarcas atlánticas. As temperaturas non experimentarán cambios significativos.
Durante o venres quedaremos baixo a influencia dunha borrasca que se moverá ó norte de Galicia. Con esta situación agárdanse ceos anubrados con precipitacións, localmente fortes e treboentas. A cota de neve situarase arredor dos 1.200 metros ao final do día.
O sábado Galicia continuará con inestabilidade atmosférica, pola presenza dunha borrasca situada en Francia.