Piden a colaboración cidadá para evitar as numerosas verteduras ao río do Con
Por Redacción
As constantes verteduras que sufre o río do Con levaron ao Concello de Vilagarcía a solicitar a colaboración dos veciños para erradicar este tipo de situacións. O último deles produciuse este mércores. Foi un suceso que tinguiu de branco as augas do río desde un desagüe situado nas inmediacións da Praza de Abastos ata a súa desembocadura e que provocou a morte de un bo número de peixes.
Foi, segundo o goberno municipal, unha vertedura provocada por unha avaría nos bombeos da rede de saneamento. E aí entra a petición do Concello. Alertan de que cada vez son máis os residuos non biodegradables que van á rede, "o que provoca os atascos que, á súa vez, derivan nun desbordamento e, en consecuencia, nos vertidos incontrolados ao río", polo que piden que se faga un uso correcto da rede de saneamento.
Nesta ocasión, como noutras anteriores, os técnicos municipais observaron que a presenza de produtos como panos de bebés, compresas e outros non biodegradables está máis presente, ata o punto de que se hai apenas uns meses bastaba con levantar e limpar os cestóns cada dous o tres días, agora é preciso facelo cada día e ás veces en dúas ocasións en cada xornada para evitar que os atascos e os desbordamentos se produzan.
O BNG CRITICA AO GRUPO DE GOBERNO
Pero desde o BNG consideran "inadmisible" que diante dunhas "agresións tan importantes para a nosa cidade", o goberno municipal "mire para outro lado e faga oídos xordos as reclamacións dos veciños na vez de tentar darlle unha solución aos problemas". Aseguran que están máis preocupados "en recortar e privatizar para que poidan facer negocio a conta do público as empresas amigas".
Denuncian os nacionalistas "a deixadez e incapacidade deste bipartito conservador", ao que acusan de non ter política medioambiental, algo que cualifican de "alarmante e moi grave" xa que cren que está a propiciar "tanto a degradación do noso entorno como a posta en risco e perda de postos de traballo".
Dende o BNG esixen do goberno de Tomás Fole "que dunha vez se poña a traballar e tome as medidas necesarias para sanear esta cidade, medidas que permitan protexer os nosos sectores produtivos, mellorar a nosa calidade de vida e ofrecer unha Vilagarcía de Arousa atractiva aos visitantes". Lémbranlle ao alcalde que isto forma parte das súas obrigas "e se non ten a capacidade necesaria debe dimitir".