Restauran a igrexa de Santa Baia de Nantes para conservar a obra original de Alejandro de la Sota
Por Redacción
A igrexa de Santa Baia de Nantes, obra do arquitecto pontevedrés Alejandro de la Sota, será restaurada a través dunha achega da Xunta de Galicia. Investiranse ata 170.000 euros na mellora deste inmoble relixioso, incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.
Así o anunciou o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, que visitou o templo este martes acompañado, entre outros, polo alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín.
O obxectivo desta intervención é manter e conservar a arquitectura orixinal da igrexa, de xeito que as obras de restauración consistirán en eliminar o amianto da cuberta, substituír a tella cerámica por outra nova ou cambiar as placas translúcidas por lucernarios.
Ademais, instalaranse canles de zinc na cuberta en lugar das actuais de fibrocemento, impermeabilizaranse os forxados do campanario, recuperaranse os faldróns da cuberta do proxecto orixinal, incorporarase celosía de lamas nos ocos do campanario e repararase a súa estrutura de formigón.
Os traballos, que teñen un prazo de execución de cinco meses, incluirán tamén a drenaxe e impermeabilización do chan da capela lateral e executarase unha canle de recollida de auga de chuvia na súa entrada desde o cemiterio.
A igrexa de Santa Baia de Nantes foi construída en 1964 coa colaboración e participación directa dos veciños. Este feito confírelle unha gran dimensión social e un valor arquitectónico no que se complementan as ideas do movemento moderno do autor coas achegas populares da zona, como o emprego de perpiaños de granito nas fachadas e a tella curva na cuberta.
O edificio, no que destaca a torre do campanario na súa esquina noroeste, foi construído sobre as ruínas dunha igrexa románica preexistente e o seu interior establece unha xerarquía encabezada polo altar e a capela maior en conxunción coa nave do templo a modo de amplo auditorio bañado por luz cenital.