Once bares e restaurantes participarán no terceiro Caldelas Tapas Quentes
Por Redacción
Ponte Caldelas acollerá durante todos os venres de decembro a terceira edición do certame gastronómico Caldelas Tapas Quentes. Nesta ocasión, serán once os restaurantes e bares da vila que participarán no concurso de tapas.
O xurado profesional está composto polo cociñeiro con Estrela Michelín Pepe Vieira, a reposteira local Conchi Amoedo e a ex propietaria do Bar Alameda, Ángeles Míguez 'Lita'.
Todos eles valoraron xa o sabor das propostas, a presentación, a utilización de produtos locais e de temporada e tamén a orixinalidade. O seu fallo coñecerase a finais do mes de decembro, unha vez rematada a presente edición, en presenza de todos os participantes.
LaTribu con 'Macarrones estilo LaTribu', Alameda con 'Pastel de Carne', Acuña con 'O pracer do bo comer', Klimbin con 'Volcán', Victoria con 'Bomba crujiente', Terracita con 'Bacalao Terracita', 501 con 'Outono 501', Jamarte con 'Cesto terramar con espuma de limón', Casa Claudia con 'Noodles a la marinera', Parada con Xantar do Pobre e Bora Río con 'Xamón Bora Río' son os participantes desta edición.
O prezo das tapas será de 1,50 euros e a bebida pagarase á parte.
Este tipo de eventos gastronómicos busca dinamizar os establecementos e atraer novos visitantes aos locais de Ponte Caldelas.