Liberdade con cargos e sen pasaporte para o mozo que atropelou seis persoas en Cambados
Por Redacción
En liberdade con cargos e coa obrigación de comparecer diariamente no xulgado. Así saíu este xoves dos xulgados de Cambados o mozo de 26 anos, de nacionalidade senegalesa e residente na localidade, que na tarde do mércores atropelou seis persoas, cinco delas menores de idade. Foi sometido a un xuízo rápido xa que, aínda que deu negativo na proba de alcoholemia, circulaba co seu coche sen ter sacado xamais o permiso de conducir.
Segundo fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ao novo, que pasou a noite no cuartel da Garda Civil, impútaselle un presunto delito de lesións por imprudencia grave e outro contra a seguridade vial. Ademais da obrigación de acudir aos xulgados diariamente, o Xulgado de Instrución número 2 de Cambados retiroulle o pasaporte, dado que se lle impide abandonar o territorio nacional.
El era o condutor do Volkswagen Golf que circulaba, sobre as 19.30 horas do mércores, polas inmediacións do paseo marítimo de San Tomé. Por causas que se descoñecen perdeu o control do seu vehículo arroiando a cantas persoas atopouse ao seu paso antes de precipitarse ao mar. Tras dar negativo na proba de alcoholemia, foi detido pola Policía Local tras comprobar que non tiña e que "nunca tivo" carnet de conducir.
A consecuencia deste accidente unha muller de 50 anos de idade e natural de Madrid resultou ferida de gravidade nunha das súas pernas, polo que foi preciso o seu traslado nun helicóptero do 112 ao Hospital Clínico Universitario de Santiago.
Tamén foi preciso trasladar ao Hospital de O Salnés unha moza de 15 anos de idade, veciña de Logroño, que presentaba unha fractura aberta nun dos seus nocellos. Outros catro menores, de entre 8 e 12 anos de idade, tamén resultaron feridos, aínda que de menor consideración e foron atendidos no PAC da localidade.
Unha sétima persoa, que non foi atropelada polo vehículo, unha muller de 36 anos, foi tamén atendida polos sanitarios ao sufrir unha crise nerviosa no lugar do accidente.