Condenado a dous anos de prisión por facer fotos sexuais a unha nena na casa á que foi a instalar unha mampara
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a un home a dous anos de prisión, oito de afastamento e o pago de 3.000 euros en materia de responsabilidade civil como autor dun delito de abuso sexual sobre menor de 16 anos.
Este home acudiu a unha vivenda particular para instalar unha mampara de baño e cando se atopaba na casa realizou fotos de índole sexual a unha neta da propietaria.
Segundo a sentenza, o acusado estaba a traballar na casa e cando se decatou de que os netos da propietaria da vivenda estaban sós. Entón, "movido pola intención de satisfacer os seus desexos sexuais, achegouse á nena, levantoulle a saia e fíxolle unha fotografía coa cámara do seu teléfono móbil". Máis tarde "movido polo mesmo ánimo, procedeu a levantarlle a saia, baixarlle as bragas e facerlle de novo unha fotografía".
O acusado recoñeceu os feitos e as partes acordaron a suspensión da pena de prisión coa condición de que este home non volva delinquir no prazo de dous anos, que abone a responsabilidade civil e que se someta a un programa de educación sexual.
A sentenza sinala como responsable civil subsidiaria á empresa para a que traballaba o procesado.