'Bravxs' aterra en Marín para amosar a discriminación que sofren as mulleres no terreo científico
Por Redacción
A través de caretas ilustradas por Marta Riera, ex mestra da Facultade de Belas Artes, a exposición 'Bravxs' ofrece unha visión sobre a discriminación e as situacións inxustas que sofren as mulleres no terreo científico.
Esta mostra chegaba este luns ao vestíbulo do Concello de Marín e ofrece a historia de mulleres relevantes no campo da ciencia como a matemática Ada Lovelace ou a química e cristalógrafa Rosalind Franklin. A exposición trasladarase despois aos centros educativos do municipio e o alumnado poderá propoñer novos nomes de mulleres que historicamente foron invisibilizadas.
A iniciativa conta coa colaboración da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e o cofinanciamento da Federación Española de Municipios e Provincias, a través do Programa de Empoderamento e Liderado feminino.
Esta proposta vén organizada polo CIM do Concello de Marín que para conmemorar o Día Internacional da Loita contra a Violencia de Xénero, o 25N. Esta semana tamén se desenvolverán as visitas da Caravana Morada ao alumnado de Educación Infantil e Primaria dos centros educativos de Marín. Os escolares traballarán de maneira interactiva a través de contos, xogos e debuxos.